Muíños de Zamáns

 

 

Muiños de Zamáns

A Parroquia

Os prados

Bosque de ribeira

A carballeira

A aveleda

A vexetación palustre

Avifauna acuática

Conxunto etnográfico

O mecanismo de rotación:

O mecanismo de trituración:

Unha noite no muíño

Muíño do Vento 1

Descrición

Tipoloxía

Levada

Edificación

Estado de conservación

Muíño Novo 2

Descrición

Situación

Tipoloxía

Levada

Edificación

Interior

Estado de conservación

Valoración final

Muíño do Quenllo 3

Descrición

Situación

Tipoloxía

Levada

Edificación

Interior

Estado de conservación

Valoración final

Muíño do Sobrueido de Arriba 4

Descrición

Tipoloxía

Levada

Edificación

Interior

Estado de conservación

Valoración final

Colaboracións e agradecementos:

 

 

 

A Parroquia

O percorrido polo Conxunto Etnográfico dos Muíños de Zamáns pode dar comezo  no Campo da Feira de Zamáns. É a praza principal da parroquia; chámase así porque neste lugar se celebraba periodicamente unha feira de gando o día 5 de cada mes.

 

 

Os prados

A freguesía de Zamáns caracterizouse desde sempre por ser un núcleo de grande implantación gandeira. Na serra do Galiñeiro pastaba o gando miúdo, cabras e ovellas, mentres o gando vacún se mantiña coa herba dos prados que, aínda hoxe, constitúen o elemento diferenciador da paisaxe de Zamáns, e que fan desta parroquia a que mellor conserva a súa fasquía agraria de cantas compoñen o termo municipal de Vigo.

 

Ademais do seu interese gandeiro, os prados de Zamáns teñen moita importancia desde o punto de vista ambiental. Trátase de prados polifíticos moi diversos, onde predominan diversas especies da familia das gramíneas, como Lolium perenne, Agrostis capillaris, Holcus lanatus, Dactylis glomerata, Festuca rubra ou Arrhenatherum elatius, entre outras. Esta última especie, coñecida como “xoio”, é unha herba moi frecuente nos prados galegos do interior, pero apenas se encontra nas parroquias do litoral, sendo substituída por outras especies de talla alta como a avea brava (Avena barbata).

 

Nos “valados” dos socalcos e nas separacións das fincas encontramos pequenas plantas de tipo herbáceo moi comúns no interior do noso país, pero que no entorno de Vigo e nas áreas do litoral pontevedrés resultan imposíbeis de localizar. Trátase de especies como Silene vulgaris, Stellaria holostea ou a soldaconsolda (Polygonatum odoratum). Precisamente, unha das características que máis nos chaman a atención da flora desta parroquia é a presenza de elementos cun certo carácter continental.

De especial interese son os prados de árnica (Arnica montana) que se poden encontrar nas zonas máis húmidas.

                                                                                                                                                                                          

A vistosidade destes prados ten moito que ver coa abundancia de auga na parroquia, que atravesan os ríos de Nispereira e Vilaza.

Os mellores pastizais de Zamáns, serían segundo a memoria popular as chamadas “Costas Boas”, hoxe mergulladas baixo as augas do encoro. Dicíase que alí pastaban até 200 vacas no verán.

 

Desde o Campo da Feira baixamos a carón da escola infantil, instalada nunha casa antiga de grandes dimensións na que destacan especialmente o  patín e o tiro de escaleiras, de pedra. Esta casa foi levantada en tempos por un emigrante con fortuna, e o seu tamaño é moito maior ao resto das edificacións tradicionais da zona, edificacións estas que moitas veces empregaban cachotes de gneis, material  moi difícil de traballar. Enfronte observaremos un hórreo, tamén de pedra, rematado en dous pináculos bastante elaborados.

 

Se reparamos nas casas modernas levantadas na beira da estrada, poderemos apreciar o contraste que supoñen estas edificacións de inspiración urbana e axardinadas con sebes de Thuja, co seu entorno rural e coas edificacións máis antigas da parroquia. Pouco máis abaixo bordearemos o cemiterio parroquial, situado a unha certa distancia da igrexa e que foi levantado a comezos do século XX.

 

Continuamos bordeando os campos de O Foxón até o río de Vilaza.

 

 

Bosque de ribeira

As árbores máis representativas do bosque de ribeira ou ripisilva que acompañan o curso do río de Vilaza son o amieiro (Alnus glutinosa), o salgueiro (Salix atrocinerea) e en menor medida, o sabugueiro (Sambucus nigra). Tamén podemos encontrar outras especies autóctonas , como o carballo (Quercus robur), o loureiro (Laurus nobilis) e a avelaira (Corylus avellana).

 

Outras especies foron plantadas pola man do home nas proximidade do conxunto de muíños de auga que acompaña o río: pradairos (Acer pseudoplatanus), acebiños (Ilex aquifolium) e dúas especies de bidueiros (Betula pendula e Betula celtiberica).

 

O curso do río constitúe o hábitat de diversas especies de tipo herbáceo, como a cárice (Carex broteriana), a cicuta acuática (Oenanthe sp.) a escrofularia acuática (Scrophularia auriculata) ou o lirio acuático (Iris pseudocorus).

 

As ribeiras do río son ricas asemade en plantas de tipo herbáceo propias de ambientes umbríos e húmidos. É o caso de especies como a agulleira (Geranium robertianum), a herba das almorranas (Ranunculus ficaria), a violeta brava (Viola riviviana), a primavera (Primula acaulis), o hipericón (Hypericum androsaemum), a corocha (Ajuga reptans), ademais doutras menos coñecidas, como Cardamine hirsuta, Omphalodes nitida, Brunella vulgaris ou as gramíneas Holcus mollis e Brachypodium pinnatum.

 

Abundan as trepadoras , como a herba salgueira (Lonicera periclymenum) e a hedra ou “areira” (Hedera hibernica). Outras plantas desenvólvense como epífitas sobre os troncos das árbores máis maduras: fento das pedras (Polypodium grupo vulgare) ou o couselo (Umbilicus rupestris).

 

Abundan neste ambiente os fentos: fento femia (Athyrium filix- femina),  falso fento macho (Dryopteris affinis), fento “espiña de peixe” (Blechnum spicant)  ou  Dryopteris dilatata.

 

Nos prados enchoupados que reciben a luz do sol encontramos silveiras (Rubus sp), troqueiras (Heracleum sphondhylium), Lamium purpureum, estralote (Digitalis purpurea),  xunco (Juncus effusus),  herba de ouro (Ranunculus repens) ou  Cardamine pratensis.

 

Mención especial merece o narciso ou amarelle que en Prado (Morgadáns) chaman “mallo” polo seu parecido co antigo apeiro empregado para mallar o cereal; trátase de Narcissus cyclamineus, unha especie de grande interese por encontrarse tan só en Galiza e no norte de Portugal, e que está incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.


Unha vez no encoro, destaca o conxunto de grandes aveleiras asentadas nos valados. Na beira da auga medran abondosos salgueiros. Na lama que descubre o retroceso da auga podemos observar as pegadas do visón americano e a raposa.

 


 

 

 

Máis adiante atravesaremos o camiño real que comunicaba Tui e Vigo, chamado o “Camiño do Regueiro do Forno”, hoxe practicamente desaparecido. Através deste camiño pasaban as chamadas “mariñeiras”, carros de toxo destinadas ás freguesías do litoral de Vigo. Para o recordo quedou a ponte que atravesaba o río Zamáns, chamada a“Ponte da Retorta”

 

 

A carballeira

Arredor do encoro predominan as pequenas plantacións de piñeiro (Pinus pinaster) e eucalipto (Eucalyptus globulus) realizadas polos propietarios das “tomadas” (pequenas propiedades particulares).

 

Sen embargo, o abandono do monte está a favorecer a recuperación do bosque autóctono. Neste proceso destaca a rexeneración natural do carballo (Quercus robur), acompañado doutras especies arbóreas de menor porte, como o loureiro (Laurus nobilis), o sanguiño (Frangula alnus) ou a pereira brava (Pyrus cordata). En menor número, poden aparecer outras quercíneas máis amantes da calor, como o cerquiño (Quercus pyrenaica) e algunha sobreira (Quercus suber). Aínda que non foi observado nas proximidades do encoro, noutras zonas da parroquia puidemos encontrar tamén o acebiño (Ilex aquifolium).

 

Bordeando este bosque en recuperación podemos encontrar algúns dos arbustos que constitúen a súa “orla forestal” de matogueiras, como son a xesta (Cytisus striatus) e a urce (Erica arborea).

 

Abundan as hedras (Hedera hibernica), a herba salgueira (Lonicera periclymenum), a seixebra (Teucrium scorodonia), Peucedanum lancifolium, Ruscus aculeatus, Brachypodium pinnatum, etc.

Na beira do encoro medra a vexetación de ribeira, e a medida que nos achegamos ao muro de contención proliferan nas marxes do encoro os bidueiros (Betula celtiberica) . Estes últimos son especialmente abondosos nas beiras dun pequeño curso de auga que verte no encoro. Aquí volvemos a encontrar  Narcissus cyclamineus.

 

Neste ambiente forestal podemos encontrar unha rica avifauna:

merlo (Turdus merula), tordo común (Turdus philomelos), ferreiriños (Parus major, Parus ater, Parus caeruleus, Aegithalos caudatus), agabeador (Certhia brachydactyla), picafollas (Phylloscopus sp.), pisco (Erithacus rubecola), carriza (Troglodytes troglodytes), estreliña común (Regulus ignicapillus),  peto (Dentrocopos major), gaio (Garrulus glandarius) cardeal (Pyrrhula pyrrhula), papuxa de barrete (Sylvia atricapilla), pomba torcaz (Columba palumbus), miñato (Buteo buteo), azor (Accipiter gentilis), etc.

 

 

A aveleda

No lugar da Pedra da Pena o cauce do río estréitase, encaixonándose entre ladeiras de forte pendente. Este foi o lugar escollido para o levantamento do muro de contención do encoro.

 

Baixo este muro discorre o noso camiño, adentrándose nun precioso bosque de aveleiras (Corylus avellana). As aveledas abundan en zonas montañosas e nas marxes de regatos que descenden a través de valgadas profundas, instalándose moitas veces en térrenos con grande desnivel. Gustan de lugares húmidos pero non enchoupados.

Forman  bosques moi sombríos, pero cunha grande biodiversidade vexetal. As especies que habitan neste medio amoldan o seu ciclo reprodutor ao ciclo do bosque, florecendo no comezo da primavera, pouco antes do rebrote das abeleiras.

 

Aquí pódese contemplar moitas destas especies;  en moitos casos se trata de xeófitos con ciclo vital moi breve, que só poden ser contemplados no comezo da primavera.

 

Algunhas das especies que vexetan neste abeledo son fentos, como Polystichum setiferum (moi común aquí), Asplenium onopteris e Dryopteris dilatata. Outras especies que tamén podemos encontrar aquí son: xilvalbeira (Ruscus aculeatus), xaro (Arum italicum), anémona (Anemone trifolia subsp.albida), estripeiro (Crataegus monogyna), xacinto bravo (Hyacinthoides paivae), mallo (Narcissus cyclamineus), violeta brava (Viola riviviana), corocha (Ajuga reptans), Omphalodes nitida, herba das almorranas (Ranunculus ficaria), soldaconsolda (Polygonatum odoratum), leiteiras (Euphorbia amygdaloides e Euphorbia dulcis), morote (Fragaria vesca), primavera ( Primula acaulis), hedra (Hedera hibernica), etc.

 

Algunhas destas especies teñen un grande interese desde o punto de vista bioxeográfico, por tratárense de endemismos con área de distribución restrinxida; é o caso das anémonas, xacintos bravos e narcisos citados, ademais de Omphalodes nitida.

 

Integrados no abeledo atoparemos  Muíño de Maquía”, pertencente á freguesía de Seoanes, Valadares. Trátase dun muíño de propiedade particular, a diferenza dos de Zamans, e o pago realizábase en especie por medio da chamada “maquía”. Do outro lado do río podemos ollar os restos da corte dos burros.

 

O camiño de volta realizarémolo pola outra marxe do encoro. Orientada cara o leste, o bosque de ribeira está aquí menos desenvolvido, como tamén o rexenerado da carballeira. Aparecen claros nos que incide en maior medida o sol e podemos encontrar pequenas representacións da matogueira atlántica, con especies como os toxos arnal e molar (Ulex europaeus, Ulex gallii subsp.breoganii). Abundan neste medio as ericas, como Calluna vulgaris, Erica cinerea e Daboecia cantabrica. Tamén podemos encontrar as cistáceas Cistus psilosepalus e Halimium lasianthum, a gramínea Agrostis curtisii ou a abrótea (Asphodelus albus).

 

Nas zonas máis húmidas encontramos Molinia caerulea, Erica ciliaris ou o narciso Narcissus bulbocodium, especies estas máis propias de breixeiras húmidas e brañas.

 

 

A vexetación palustre

Nalgúns tramos das marxes do encoro desenvolveuse un tipo de vexetación característica das marxes de lagos e outras masas de auga doce. Trátase dunha vexetación de tipo emerxente que aparece ordenada según a profundidade da columna de auga.

 

Adentrándose nas augas encontraremos unha masa de antela (Schoenoplectus lacustris). Nas marxes encontramos lirios de auga (Iris pseudocorus), e na zona superior, moito menos afectada polas subidas no nivel das augas, os xuncos (Juncus effussus) e os salgueiriños (Lythrum salicaria). Tamén podemos encontrar salgueirais de Salix atrocinerea baixo os cais medra o dentabrú (Osmunda regalis).

 

Estes bosques de ribeira constitúen o hábitat do reiseñor de auga (Cettia cetti).

Na lama das marxes é doado observar ademais as pegadas do visón americano (Mustela vison). Entre os anfibios, coa chegada do calor poderemos escoitar o croar da ra verde (Rana perezi) e da “ranilla” (Hyla arborea).

 

 

Avifauna acuática

 

Algunhas das aves que podemos observar nas augas do encoro e nas súas marxes son o alavanco real (Anas platyrrhynchos), o fonducho (Tachybaptus ruficollis), o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), a garza cincenta (Ardea cinerea), o bildurico (Actitis hypoleucos), o picapeixe (Alcedo atthis) ou as lavandeiras branca e cincenta (Motacilla alba e Motacilla cinerea).

                                                                                                

 

Conxunto etnográfico

 

A utilización dos máis variados instrumentos que, por percusión ou rozamento, permitían moer os graos dos distintos cereais, remóntanse ás sociedades agrícolas do Neolítico.

Os antergos dende o momento en que comezan a cultivar ou colleita-los cereais e a facer fariña cos graos, principian tamén a emprega-lo muíño. Xa no Exipto Antigo temos testemuños do seu uso.

O Muíños de Zamáns son de rodicio horizontal, están albergados nunha construción de estrutura moi elemental de cachotería, reforzada nos seus cimentos e esquinais. A construción e rectangular, o que se accede a través dunha porta, e dispoñen tamén dun pequeno ventanuco. A súa cuberta é un simple tellado de unha auga.

 

Os mecanismos dos muíños:

            Dispoñen estes muíños de unha infraestrutura de canalizacións exteriores e interiores, para o aproveitamento do caudal que nos ofrecerá a enerxía necesaria para facer funcionar o muíño. A parte desto os muíños conta cos mecanismos de rotación, trituración, e toda unha serie de elementos complementarios que posibilitan o seu funcionamento.

 

 

Cuadro de texto:

A auga que baixa polo río ou regato preto do muíño, desvíase en parte por unha canle (1) que parte dalgúns metros río arriba, e vai pola presa ata o cubo (2) por onde baixa ó rodicio (5); na presa hai, por  un aliviadoiro para torna-la auga se o caudal fose moi grande e sobrepasase o necesario, e por outra unha gradilla ou gradicela (3) de ferro para que non pase a broza. Esta auga, que sae a presión por mor da pendente do cubo e da pequena sección da canela ou billote (4) – parte final do cubo- acciona o rodicio que e a roda horizontal.

 

 

O mecanismo de rotación:

Este rodicio, formado por culleres, as penas, vai se-la peza que transmita o movemento o resto dos compoñentes do muíño; o rodicio descansa na porca ou pau da porca (6) – que é a viga que vai ó traveso, por embaixo – mediante un aguillón (7) de forma apuntada que xira sobre doutro aguillón ou porca; estes aguillóns poden ser de croios dunha coiñeira que estea preto ou ben de ferro, como e no Muíño do Vento. O regatón ou vara (8) é o eixo vertical que parte do rodicio, sendo de madeira na parte inferior e de ferro na superior e recibe o nome de lévate e veo ás veces; sobre o piso do muíño e atravesa o pé (9) que se mantén sempre fixo e é de pedra coma a moa, mó, volandeira (10) ou peza superior que xira encol do pe.

 

O mecanismo de trituración:


O gran métese na moega ou temoia (11) que comunica coa quenlla, caneta ou adella (12). Vai caendo, a modo, da primeira a esta que é coma unha canle que cadra mesmo por riba dun buraco que ten a moa no seu centro. O poñerse en funcionamento o muíño, o gran cae polo movemento que ocasiona o engrane (13) –roda no remate do eixo – ó golpear nun saínte da quenlla. Vai baixando, pois, o gran, paseniño ata a moa, que se cobre cun caixón de madeira. O xira-la moa sobre do pé vaise moendo o gran e vai saíndo a fariña, que se recolle nun caixón ou nunha bulsa.

 

Para que a fariña saia mais ou menos muda disponse dun volante, cruz ou aliviadoiro (17) que move un pau que vai ata a porca; o acciona-lo volante faise subir ou baixa-lo pau da porca, desprazando verticalmente, xa que logo, todo o mecanismo do muíño, o que fai que a distancia entre a moa –móbil– e o pé –fixo– varíe, facéndose así a "fariña brava ou mansa": a primeira, "ó esta-la moa mais enriba e quedar aire" e a segunda "o descansa-la moa, que a fai mais mansa".

 

De entre os coidados que esixe o muíño sinalaremos dous: mirar que os aguillóns non estean moi gastados, e pica-lo pé e a moa pois o pasa-lo tempo a pedra vai sufrindo un desgaste

que obriga a picalas para que recuperen o seu gran.

 

O Muíños de Zamáns foron construídos polos veciños de Zamáns, e para o seu uso coma ocorría no resto dos muíños da xeografía galega, empréganse seguindo un turno establecido; nel facíanse as muiñadas: reuníanse os veciños mentres agardaban polo seu turno e así pasábanse noite entre cantos, bailes, brincas e leria, como ben di a tan coñecida cantiga:

 

Unha noite no muíño

unha noite non é nada,

unha semaniña enteira

esa si que é muiñada.

 


Localización

Zamáns é unha das poucas parroquias de Vigo que aínda conta co privilexio de gozar de catalogacións puramente de hábitat rural. Iso non vai en detrimento de configurarse en modelos habitacionais que contan coas máis actuais prestacións de comunicacións e comodidades: vivir coas vantaxes do rural tan preto das vantaxes dunha zona urbana.

Este conxunto de muíños está situado á beira do río de Vilaza, na baixada que vai dende o torreiro de Zamáns ata o encoro, a menos dun quilómetro do campo da feira comeza e remata na confluencia co río Nispereira.

O primeiro está na marxe esquerda do río e os catro restantes na marxe dereita da baixada da corrente.

Observaremos este conxunto etnográfico, constituído polo “peirao” que desvía a auga do río, a canle pola que circula e o grupo de muíños: “Muíño do Bento”, “Muíño Novo”, Muíño do Quenllo” ( construído en 1849),  Muíño do Sobrueido de Arriba”, “Muíño do Sobrueido de Abaixo” e “Muíño do Viveiro”. Este muíño encóntrase entre augas, asolagado temporalmente polas augas do encoro. Baixo as augas do pantano ficaron outros 2 ou 3 muíños de río.

Na parte superior do conxunto de muíños tamén podemos encontrar un pequeno lavadoiro e unha pontella de pedra. Como podemos comprobar, todas estas estruturas tradicionais tiñan relación coa auga.

 

O conxunto e as propiedades que o rodean foron adquiridos pola Comunidade de Montes en colaboración coa Asociación de Veciños, estando pendentes dunha actuación de recuperación.

 

 

 

Muíño do Vento 1

 


Descrición

Estamos ante un conxunto de cinco fermosos muíños, moi próximos entre si, dispostos en fileira ao longo do río de Vilaza. A contorna é un amplo prado en pendente con árbores de ribeira e levadas para regadío e servizo dos muíños. Esta verde extensión comeza na parte alta, ao pé da estrada da Igrexa, e remata nun fondal no que se axunta o río de Vilaza con outro regato, pouco antes do seu encontro coas augas do encoro.

Este muíño e o máis próximo á estrada e atopase na parte alta do conxunto.


Accedese a el por un pequeno paseo empedrado á beira da canle. Dende a estrada ata este muíño hai un prado con plantación de acivros á beira do río. Todo isto foi preparado pola Comunidade de Montes de Zamáns.

Tipoloxía: é un muíño de cubo.

Levada: Nos últimos metros está solidamente traballada en pedra a un nivel superior ao do careiro. Esta canle da levada está en perfecto funcionamento na actualidade. A carón do cubo, a levada conta cun rebaixe para desaugadoiro da auga que reborda.

Edificación: está restaurado na súa totalidade. Ten forma rectangular e está construído en cachotaría. Só a porta de entrada conta con lintel e xambas dunha peza. Ten un único fachinelo para entrada de luz. Está cuberto a unha soa auga con tella do país. Ao redor conta cunha varanda de pedra entre o edificio e o río para permitir un paso cómodo e seguro.

 


Para atravesar o río existe unha boa pontella duns dez metros de longo, en tres treitos de lousas, que engaden un punto máis de fermosura a este recanto da entrada ao gran prado no que se encontran os restantes muíños.

 

Estado de conservación

E o mellor conservado/restaurado dos cinco. A beleza que expresan as pedras dunha edificación tradicional restaurada devólvennos a imaxe do que foi a viveza dos traballos e da vida que se desenvolvía ao redor dos muíños.

A cachotaría limpa e asegurada, a porta de entrada anovada, a tella nova e ben asentada.

A auga discorrendo pola canle da levada, podemos vela entrar no cubo e saír pola abertura do inferno do muíño.

O paso empedrado ao redor do muíño cunha boa varanda de pedra.

A sólida pontella que atravesa o río polo pé do inferno do muíño.

Todo este conxunto evidencia os resultados dun traballo esmerado de recuperación e posta en valor da nosa arquitectura popular.


 

 

Muíño Novo 2

 



Descrición

E o segundo dos muíños que se atopan nestes conxunto en orde descendente da corrente.

Situación: logo de pasar o primeiro muíño, xa completamente restaurado, uns trinta metros máis abaixo atopamos estas segunda construción. Rodeado de salgueiros e amieiros, á beira do río, érguese na súa marxe dereita.

Tipoloxía: o primeiro elemento que chama a nosa atención para a súa clasificación é o gran cubo que dá paso á auga da canle da levada cara ao interior do inferno onde se atopan as pas do rodicio.

O cubo é de forma cadrada, con entrada bastante ampla e en forma cónica na parte máis baixa, onde está a “billa” do cubo.

Levada: a levada pode observarse dende o contacto coa estrada ao longo duns trinta metros. Está na súa maioría soterrada e con necesidade de ser sacada á luz, xa que nunha parte do treito aínda pode apreciarse un pequeno pontillón sobre ela para atravesala, o que faría aínda máis atractivo o percorrido ata o noso achegamento ao muíño. Por outra parte permitiría volver a poñer en funcionamento a condución da auga ata o cubo.

Nos derradeiros metros, no encontro co muíño, esta levada sobresae do terreo mediante unha sólida construción de cachotaría. Esta parte necesita tamén unha adecuada intervención par evitar o seu pronunciado deterioro, aínda salvábel, xa que conserva a estrutura na súa totalidade, reforzada exteriormente por un bo muro de cachotes.


Edificación: o muíño ten forma rectangular, con muros combinados de cachotaría e perpiaño.

Presenta unha soa porta de xambas de gran dimensión cara ao interior abarcando a profundidade do muro, con rebaixes para o encaixamento de distintas partes da porta. Sobre as xambas van dispostos dous perpiaños, a modo de saimel, encol do que vai apoiado o lintel que cobre todo o van.

Noutra das paredes, sobre o inferno, vai un pequeno fachinelo vertical que leva a súa luz ao lugar en que está a mó e a zona do tremiñado. Podemos apreciar que este fachinelo está situado no lugar máis inaccesíbel do muíño.

A carón do cubo hai dous pousadoiros de forma redondeada encastado no muro a carón dun dos cantos da parede.

O teitume é a unha auga, cara ao río. Está case completamente arruado, do que perdura unha das trabes e algunhas tellas, e só conserva as lousas que van en derredor da parte superior das paredes.


Interior

presenta unha mó, con todas as súas pedras. Unha delas está tirada no chan, cun anaco do pau do eixo no ollal.

As paredes están moi deterioradas, mesmo con perigo de derrubamento das lousas interiores dunha delas.

O cha está completamente cuberto de cascallos de tellas, madeiras e vexetación.

Todo o interior presenta un aspecto moi descoidado e abandonado.

 

Estado de conservación

O estado actual indícanos que comeza a haber intervencións enfocadas cara á súa limpeza e recuperación; cando menos co intento de evidenciar a súa existencia e características principais, a pesar do estado ruinoso en que se encontra.

A súa conservación no estado actual implica unha intervención que pasa pola limpeza da maleza que aínda recobre algunhas partes, coma a canle da auga, e o tratamento do impacto que algunhas das árbores teñen sobre a conservación das pedras da construción.

O seu interior precisa un labor de limpeza e organización dos materiais aínda existentes. As paredes interiores tamén están bastante deterioradas e con perigo de derrubamento. O mesmo sucede co anaco de teitume que aínda conserva.


Valoración final

A recuperación do noso patrimonio etnográfico depende varios factores. O máis importante é a vontade da súa conservación; unha vontade na que estamos todos implicados, dende as administracións ata as entidades locais e a propia veciñanza.

Unha intervención que non resultaría tan custosa en comparación co resultado obtido de cara ás persoas que se acheguen a visitar este muíño sen perigo.

 

 

Muíño do Quenllo 3

 

Descrición

Situación

Este terceiro muíño, en orde descendente pola beira do río de Vilaza, está situado na marxe dereita da corrente, moi próximo á auga e rodeado de amieiros e salgueiros.

 

Tipoloxía

 É un muíño de cubo cunha soa mó. Este cubo non ten a forma cadrada ou circular característica da maioría deles, senón que ten forma alongada, realizada a partir da forte caída que se lle dá á canle da levada na súa chegada ao muíño.

Levada

A levada só se conserva no tramo final. Nestes últimos metros álzase sobre a pendente do terreo reforzada por sólidos soportes laterais de cachotaría. A construción do muíño na parte inferior da pendente do terreo propicia a caída da auga a través do cubo para proporcionar a forza necesaria ao rodicio.


Edificación

O muíño é de reducido tamaño, coas paredes en cachotaría e o tellado dunha auga.

Presenta unha porta e ningunha outra entrada de luz. A porta está formada por dúas xambas laterais, con cadanseu perpiaño encima para proporcionar maior altura ao van, sobre o que se dispón un lintel.

Ten tamén soleira de entrada e as xambas están traballadas para permitir o encaste da porta, inexistente na actualidade.

O tellado está case completamente derruído. Só conserva unha trabe central e unhas poucas tellas sobre o beirado. Este beirado tamén conserva unhas poucas lousas de pedra na parte baixa da caída do teitume.

 

Interior

Podemos identificar aínda dous espazos: o da moenda e o da estancia das persoas. No espazo da moenda hai unha mó á que lle falta a pedra superior. Tamén podemos identificar un pousadoiro asociado a un pequeno fornelo.

Hai moitos cascallos de tellas e madeiras do teito, así como maleza por todas partes, que dificultan a apreciación do interior do muíño.


Estado de conservación

A estrutura pétrea está conservada case na súa totalidade. Falta o teitume, do que só conserva unha trabe.

Hai árbores que están medrando sobre a canle de auga, co conseguinte deterioro das pedras. Tamén hai vexetación invasora sobre unha das paredes que ameazan con desprazar os cachotes dos muros.

O interior do muíño está moi deteriorado pola cantidade de cascallos e vexetación que o ocupa. O teito completamente derruído.

A pesar deste panorama, o muíño ofrece boas posibilidades de recuperación.

 

Valoración final

A posta en valor deste importante conxunto etnográfico leva consigo unha intervención de limpeza e recuperación de cada un dos muíños que hai neste recanto tan especial de Zamáns.

A ruína na que converteu este muíño conserva aínda unha gran beleza que nos fala por si mesma a través da conexión da identidade cultural que nos une coa terra e as nosas raiceiras


 

Muíño do Sobrueido de Arriba 4

 


Descrición

Descendendo polo río Vilaza, dentro do conxunto de cinco muíños que atopamos nesta contorna de especial beleza, ocupa o cuarto lugar. Está situado a escasos dous metros da corrente e vémolo no seu estado ruinoso arrodeado as características árbores de ribeira: amieiros e salgueiros.

 

Tipoloxía

Coma o resto do conxunto, trátase dun típico muíño de cubo. O tamaño deste cubo é considerábel e conservado na súa totalidade.

Levada

A levada que podemos ver na actualidade remata os seus últimos metros en pedra, elevada sobre o desnivel do terro, ata chegar ao empate co cubo.


Edificación

O edificio ten unha gran superficie, con ampla fachada. A altura da paredes, adaptándose ao desnivel do terreo, dende a entrada principal, na parte elevada, ata unha maior altura sobre a saída do inferno.

Está construído combinando perpiaños irregulares e cachotes de diversos tamaños.

Presenta unha porta de baixa altura e considerábel profundidade, de acordo co grosor dos muros. Está construída con perpiaños (catro nas xambas e un no lintel).

O lintel presenta unha inscrición que pode facer referencia á data da súa construción: “ANO DE 1842”.

Na parte posterior do edificio podemos ver dous fachinelos pequenos, verticais, para dar entrada de luz aos dous espazos interiores de moenda e de estancia.

 

 


 

Interior

Presenta dous espazos diferenciados: o da moenda, entrando á esquerda, e o de estancia para as persoas.

Conserva varias pezas das moas no propio lugar. Tamén presenta un mesado baixo apegado á parede da fachada principal.

A ambos os lados da porta de entrada ábrese cadanseu fornelo cuadrangular.

 

Estado de conservación

Levada: merece unha intervención reconstrutiva que restitúas as pedras caída e perdidas, unha profunda limpeza de vexetación agresiva e a eliminación das árbores que medran no seu interior.

Teitume: perdeuna na súa totalidade e isto acelera o deterioro dos elementos que se conservan no interior do muíño e facilita que medre todo tipo de maleza.

Os muros exteriores presentan considerábel vexetación e plantas medrando por todos os ocos.


Valoración final

Este muíño, en canto se recupere suficientemente, mostrará varios elementos destacados que lle devolverán o sabor e fermosura da ambientación popular que caracteriza estas construcións.

O seu interior aínda conserva íntegras varias pezas e utilidades pétreas que facilitaban a estancia no seu interior; mesmo nos permiten imaxinar escenas variadas de convivencia, lecer e traballo no seu interior.

 

 

Colaboracións e agradecementos:

 

Afonso Rodríguez González

Xose Couñago

Juan Carlos Rodríguez Torres